Saturday 04 de May de 2024

Sánchez Bugallo propón que o 50% do recadado pola taxa turística se destine a políticas de rehabilitación e vivenda no casco histórico


O alcalde recalcou que no comezo do mandato había tres cuestións que marcaron como prioritarias as asociacións do casco histórico: fibra óptica, peonalización de Mazarelos e un centro sociocultural, “as tres feitas neste mandato”.

O 50% do recadado coa posta en marcha da taxa turística destinado a políticas de rehabilitación e vivenda poñendo o foco no casco histórico para facilitar a fixación de poboación. É a proposta do alcalde que, tendo en conta que no estudo elaborado pola USC para o Concello de Santiago estímase un ingreso aproximado de 2.625.000 euros, estaríamos a falar de máis dun millón 300 mil euros dirixidos a programas de axudas e impulso a recuperación dos edificios do casco histórico.

O alcalde explicou que con esta partida reforzaríase o papel do Consorcio que, nos últimos anos viu reducido o seu poder de intervención neste sentido, motivado polo escaso compromiso da Xunta de Galicia en materia de financiación: “temos que requirir a todas as administracións que se impliquen, e nós os primeiros” recalcou o alcalde.

Sánchez Bugallo que participou no debate organizado polo Ateneo de Santiago centrado na recuperación de poboación no casco histórico, deixou claro que a zona histórica segue estando “viva” cuns veciños, continuou, “que seguimos sendo unha parte importante de Santiago”.

Recoñecendo o importante papel que tivo o casco histórico nos anteriores mandatos nos que foi alcalde “traballando para preservar ese carácter vivo e habitado, conseguindo servizos, como foi o Centro de Saúde, dotando de servizos e ofrecendo facilidades creando aparcadoiros en toda a periferia da cidade histórica”, Sánchez Bugallo lembrou que cando iniciou este mandato, “as asociacións veciñais esixían fibra óptica no casco histórico, peonalización de Mazarelos e un Centro Sociocultural: “tres cuestións que xa están feitas”, ao igual que a retirada da compactadora de Fonseca “outra vella demanda que cumprimos creando un novo sistema de recollida de lixo incluíndo a separación por franxas no casco histórico”.

Entre os próximos retos, o prioritario, a actualización do Plan Especial da Cidade Histórica “para dotalo cun marco lexislativo novo” co obxectivo de “poñer as cousas máis fáciles a quen quere recuperar un inmoble e quere vivir no centro histórico de Compostela” explicou o alcalde, que insistiu ademais en que esa revisión debe estar encamiñada a preservar como uso principal o residencial.

Defender o carácter residencial da cidade histórica

“Defendemos nos tribunais de xustiza, e a través das modificacións normativas correspondentes, o carácter residencial da cidade histórica, fronte a demandas e solicitudes que tiñamos por outros ámbitos” defendeu o alcalde que deixou claro que existen dous modelos de xestión da cidade histórica: “un que aposta pola vivenda e outro no que a prioridade é o mercado”. “Nós, claramente, apostamos por unha cidade histórica habitable e habitada, con servizos, con veciñas e veciños que atopen no casco histórico unha cidade con vida” recalcou o alcalde.

No caso de Santiago houbo case 200 solicitudes para vivendas turísticas, e 49 de rehabilitación. “Hai unha diferenza notable” expuxo o alcalde, deixando claro que “iso é o mercado, que vai nunha dirección, á que temos que facer fronte con políticas valentes en materia de vivenda que poñan as cousas fáciles a quen quere vivir no casco histórico”. O alcalde recordou que dentro da cidade histórica, Compostela distingue máis ARIS. Nos últimos catro anos concedéronse 762 licenzas de rehabilitación, aínda que é necesario incrementar esforzos para que ese número de licenzas “aumente e veña acompañado de axudas por parte da administración”, sempre “vencellando a rehabilitación ao uso da vivenda residencial”.

Tamén en materia de recuperación de inmobles en estado de deterioro, o alcalde puxo en valor o traballo que se está a facer xa desde o rexistro de soares, que “debemos dotar orzamentariamente, acompañalo da recuperación da empresa pública de vivenda e solo, de Emuvissa, eliminada polo Partido Popular de Conde Roa no 2011, para poder intervir no mercado: expropiar e recuperar inmobles de gran valor como o Colexio dos Irlandeses ou a sala Yago”.

“Somos a cidade española e galega con máis metros cadrados de zona verde por habitante”

No debate organizado polo Ateneo debateuse tamén sobre sostibilidade e políticas de acción contra o cambio climático. Neste sentido, o alcalde recalcou que Santiago é “unha cidade privilexiada” con 50 metros cadrados de zona verde por habitante, “catro veces máis do que recomenda a OMS, a Organización Mundial da Saúde”.

En materia de sostibilidade, nos últimos catro anos impulsouse a recuperación de máis de 150 quilómetros de sendas verdes “como o Xiro dos Montes, o Berce do Sar, ou a senda que une O Milladoiro coa Rocha e que terá continuidade á beira do Sar e do Sarela”. Tamén neste mandato, recordou o alcalde que se selou o vertedoiro de Aríns que “despois de estar abandonado dez anos agora é unha gran zona verde, logo de investir preto de un millón de euros”. Tamén o de Miramontes está en proceso de selado.

Porén, o paso máis importante que se deu nestes anos foi a adxudicación dun novo servizo de limpeza e recollida de lixo “máis sostible, eficiente, con vehículos eléctricos, apostando pola recollida selectiva tamén no casco histórico e impulsando a instalación do quinto contedor, o orgánico, no que somos unha referencia” recordou o alcalde. De feito, nun recente informe elaborado pola Universidade de Santiago de Compostela, o Atlas Urbano de Sostibilidade en Galicia, apúntas que Compostela destaca na recollida selectiva de residuos, moi por enriba de outras cidades como A Coruña ou Pontevedra.

Tamén en materia de mobilidade “sacamos agora a licitación un novo contrato no que se aposta por un transporte cero emisións”, ao tempo que se dan pasos na configuración do Plan de Mobilidade Urbana Sostible, que actualmente se atopa en fase de participación e que “recollerá as bases para configurar a mobilidade do futuro que deberá apostar pola mobilidade a pé no urbano, o transporte público para a zona periurbana e os concellos de arredor, a demanda para o rural, e o transporte brando”.

Novo circular-centro e transporte a demanda para a zona histórica

O alcalde adiantou tamén que coa renovación do contrato do transporte impulsarase unha reconfiguración das rutas, incorporando un novo circular que dará servizo á cidade vella “tendo en conta a idade da poboación da contorna”. Neste sentido, esa nova liña conectará tamén a Almáciga, “unha antiga demanda da veciñanza da zona” e se complementará cun programa de transporte a demanda para a poboación da zona amurallada.

Na liña de apostar pola sostibilidade, Sánchez Bugallo recalcou o impacto que terá a instalación da nova depuradora, da nova EDAR, “a obra xa está adxudicada, a declaración de impacto ambiental aprobada e despois deste verán iniciaranse as obras”. Tamén o servizo de reparto de última milla que pretende ordenar o reparto de mercadorías dentro da zona amurallada suporá un cambio importante “para a ordenación do actual caos que se vive nalgún momento da mañá, pero tamén para mellorar o coidado do patrimonio, evitando que grandes camións circulen polas rúas do casco histórico diariamente” explicou o alcalde que puxo en valor os avances que se fixeron nesta materia no marco do proxecto Smartiago, que “puxo toda a infraestrutura necesaria para o control de acceso á cidade histórica, e facer efectiva a zona de baixas emisións”.